Blogia
Guillade

Medio ambiente

Excursión polo monte de Guillade (6 de xullo 2008): resumo da xornada

Saímos ás 18:30 da Cruz do Valado. Eramos 10 persoas, 6 maiores  (Xose, Antonio, Montero, Manolo, Nelo e José María) e 4 nenos (Estefanía, Andrea, Sandra e Tato).

Fartámonos de andar... ufffffff... isto si que foi unha excursión, e case todo o tempo polo medio dos fentos e dos toxos, subindo e baixando, lembrando aos mellores exploradores da historia. Primeiro fomos ver uns piñeiros que están a secar e marcámolos para cortar. Tivemos que andar polo medio dos fentos, e tropezarnos coa leña seca que había no chan. Andrea foi moi valente, pois aínda que se rascou nos pés seguiu sempre adiante sen queixarse.

Segue a reportaxe en http://montesdeguillade.blogaliza.org/

Paseo polo monte de Guillade (6 de xullo 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes de Veciños en Mancomún de Guillade continúa organizando os paseos  polo comunal. Desta vez toca na zona oeste, nos lindes con Oliveira e Celeiros.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de xullo, pola tarde. Iniciarase ás 18:30 na Cruz do Valado.

Espantallos, bicis e barro

A principios deste mes de xuño que agora remata a xente da “Asociación Picaraña”, organizou a “V- Marcha Cicloturística do Cruceiro de Covelo”, que se ben non parecía demasiado dura nun principio (25 kms. aproximadamente) deixounos  a uns cantos algo desfondados e sobre todo enlamados, debido máis que nada ao mal estado das pistas e do circuito.

As choivas caídas insistentemente nas semanas previas convertiron boa parte do trazado nun auténtico “sanbenito” de lama, charcos, pozas, lameiros e ríos de barro. De todos xeitos as espectaculares vistas e beleza do percorrido axudaron a disipar “a penuria de lama e barro”, outra cousa foi a cara das nosas nais ao chegar a casa... 

Aínda que non fora pola xuntanza cicloturística, houbo –e hai- outros alicientes polos que ben mereceu a pena ir  aquel domingo a Covelo, xa que a raíz da iniciativa dunha serie de veciños deste Concello, coseguiron chamar a atención de abundantes medios de comunicación (e non só galegos) cun pavero “concurso” de espantallos grazas ao cal as veigas e leiras da zona apareceron inzadas desta figura “tradicional” da nosa paisaxe. 
 

Ao final da xornada, había máis dun participante que entre a lama, o casco e as rechamantes cores da súa equipamenta ciclista, acabou tamén feito un espantallo con bici e fame, menos mal que a non moitos kms. de alí celebrábase tamén unha festa gastronómica con chourizos á brasa de protagonistas.

Excursión polo monte (22 xuño 2008): resumo da xornada

 Onte domingo xuntámonos catro persoas na Cruz do Valado a iso das 10:00 da mañá: Montero, Xose, Cris e Carlos. Iniciamos o paseo a pé na zona da Rañó lindando con Uma, baixo o Coto das Pedreiras. Ía néboa pero a temperatura era agradable. Nesta zona aínda vimos os restos dos piñeiros desvastados polo lume de hai dous anos, e algún que outro eucalipto que ameaza con implantarse na zona. Entre o toxo que medra hai cría de piñeiro.

Seguimos andando polo camiño que linda con Uma, rumbo norte, e chegamos ao cruce que sube a Rebordiños. Unha boa costa, onde houbo que aminorar a marcha. Nesta zona esta  previsto plantar unhas tres hectáreas de castiñeiro despois do verán. Arriba chegamos ao cruce de Rebordiños. Aquí hai cría de piñeiros e algún que outro eucalipto novo.

 

Continúa a reportaxe no blog http://montesdeguillade.blogaliza.org/

Excursión polos montes de Guillade

 

A xunta rectora da Comunidade de Montes de Veciños en Mancomún de Guillade ten previsto realizar unha excursión pola zona da Rañó e lindes con Uma, Mouriscados e Cumiar, co obxecto de valorar a situación actual do monte, clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de xuño, iniciarase ás 10:00 da mañá na Cruz do Valado, e volveremos para xantar na casa.

5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente conmemórase o día 5 de xuño de cada ano, para estimular a concienciación sobre o ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. O lema seleccionado para O Día Mundial do Medio Ambiente 2008 é Deixa o Hábito! Cara a unha economía baixa en Carbono, e proponnos reducir a produción de CO2, principal causante do efecto invernadoiro e do quencemento glogal.

Na páxina do PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) atoparás máis materiais informativos, e algúns vídeos, coma este cunha canción de Sting (Fragile Planet) con imaxes e mensaxe.

Nos enlaces seguintes atópanse consellos para colaborar na mellora do medio ambiente:

Como podes controlar ti o cambio climático: baixa, apaga, recicla e anda.

Baixa a calefacción, apaga as luces que non necesitas, recicla os residuos e camiña ou vai en bici á escola; estas son algunhas das formas nas que podes axudar.Calcula as emisións de Carbono que podes aforrar

Para rematar temos uns xogos, para poñer a proba os vosos coñecementos:

1. Para cuidar a illa de Honoloko.

2. Moitos máis xogos na web de Fundación Biodiversidad.

Roteiro en Angoares co programa Debrúzate

 

Os colectivos Adenco, Galiza Nova e MZS presentan o segundo roteiro do programa Debrúzate que nesta ocasión levará aos asistentes pola parroquia de Angoares.

      A actividade terá lugar o próximo sábado 7 de Xuño, saíndo da Igrexa de Angoares, ás 17h, con participación libre e gratuita. O percorrido, dunha dificultade baixa e unhas tres horas de duración partirá da Igrexa de Angoares, unha edificación de estilo románico, única no País pola súa planta de cruz latina e ábside rectangular.

      Posteriormente, o percorrido seguirá pola beira do Río Uma, Lugar de Interese Comunitario, onde se poden observar até dez muíños, desfrutar dunha paisaxe de ribeira ben conservada e onde tamén destaca a Ponte do Cabalón, pola que pasaba unha vía romana.

Ademais, os petos de ánimas e o Castro de Angoares serán obxecto de visita e explicación, neste roteiro circular que pretende unir unha vez máis o noso patrimonio natural e cultural, dándoo a coñecer para que se protexa e máis neste caso, o de Angoares, unha parroquia ao pé do casco urbán de Ponteareas, case descoñecida para os veciños da Vila.
(Recollido en nota de prensa do BNG Condado)

Risco nas estradas + barullo + lixo nas cunetas = RALLYE

Un ano máis, as estradas da nosa Parroquia e do resto do Concello miraránse máis alteradas do habitual pola celebración do “tradicional” Rallye das Rías Baixas. Teoricamente o rebumbio terá lugar os días 30 e 31 de maio, pero desgraciadamente a maioría sabemos que as datas previas a esta celebración son días de grande axitación e perigo por culpa dos adestramentos de pilotos e de todo un exército de afeccionados “tuneados”, que tentando imitar aos seu ídolos da velocidade e o ruido, percorren as nosas estradas sen nengún tipo de control.

Ao marxe de cuestións tan “de moda” nestes días, como: a redución da contaminación, as campañas pola seguridade vial e as súas tentativas por evitar os accidentes de coche (cantos dos que estades lendo isto coñecedes a alguén que lamentablemente dunha ou outra forma sabe o que son as consecuencias tráxicas dos accidentes?), centrarei esta reflexión nun par de aspectos bastante frívolos en comparación co perigo que implica a velocidade ao volante: o deterioro que sufren as nosas estradas durante as probas e as toneladas de lixo que quedan acumuladas nas cunetas ano tras ano (xa por estratos), tiradas sen reparo polos afeccionados: latas, botes, bolsas, botellas, plásticos, vidros...

A todo isto, hai que lembrar os atropelos e sustos que xa se teñen producido con anterioridade, como motivo en grande parte do descontrol existente nos días previos. Feitos que xa fixeron que moitos veciños doutras zonas do Condado, fartos do acoso dos tolos polos rallies e ante a ausencia de medidas disuasorias por parte das “autoridades competentes” contra os adestramentos fóra do horario permitido ou practicados por condutores temerarios non profesionais, decidisen expresar o seu malestar con cortes de estradas e deseperadas tentativas de boicot.

Lonxe do que poidan pensar moitos, este escrito non pretende prohibir ou abolir a práctica deste “deporte” (?), tan só cuestionar os lugares, as formas, os tempos e os xeitos nos que tradicionalmente se ven desenvolvendo nas últimas décadas: atravesando núcleos de poboación practicamente a calquera hora do día ou da noite, con escaso (ou nulo) control da velocidade ou de, por exemplo, o ruído (a contaminación acústica tamén existe), deixando moi pouco beneficio ou contrapartida económica nas Parroquias pero moito nerviosismo (estar pendentes dos nosos nenos, das bicis, dos nosos maiores...), moreas de basura e inconvintes (estradas cortadas pola Organización que implican ter que dar grandes rodeos).

Asi pois, porque non temos porque vivir secuestrados sen poder saír das casas, desprazarnos con medo polas estradas ou cunetas (se as houbese) nin recoller o lixo dos demais, emprazamos desde este blog as Asociacións existentes en Guillade e no resto de lugares afectados por este tipo de eventos, a que esixan aos seus respectivos Concellos e autoridades competentes a toma das medidas pertinentes para evitar este tipo de problemas. Ou ben directa e persoalmente, ou conxuntamente coa Organización da Competición, presionándoa a velar polo respecto ao medio ambiente e pola seguridade dos que queremos vivir nun contorno tranquilo e seguro, e non nun circuito de carreiras que sempre acaba emporcallado e desfeito.

Subida a Cotodeira, en Sabaxáns

O vindeiro domingo, día 25 de maio, ás 16:30 horas da tarde, terá lugar a subida a pé a Cotodeira, na parroquia de Sabaxáns, e que inclúe unha visita guiada aos foxos da chan da Anduriña. É un acto cunha dimensión reivindicativa de cara a defensa do patrimonio natural e cultural deste monte onde se pretende a instalación dunha canteira.

Roteiro dos penedos da Picaraña

O próximo domingo 11 de maio a Comunidade de Montes de Arcos xunto a Consellería do Medio Rural, organizan unha xornada lúdica e divulgativa na zona da Picaraña, coa intención de por en valor o patrimonio natural deste emblemático lugar  de Ponteareas.

O roteiro comezará as 9:30 h. saíndo do Barrio da Serra (fronte ao “Restaurante Rías Baixas”, na N-120), posteriormente habrá un xantar popular as 14:30 (16 € adultos, e 8 € os cativos), amenizado por un grupo de música tradicional.

Para acadar máis información, ou inscribirse, pódese chamar ao seguínte número:

986 644 601

Aquí podedes ver o tríptico da convocatoria do roteiro: cara 1, cara 2.

21 de marzo: Día da Árbore

21 de marzo: Día da Árbore
21 de marzo Día da Árbore. Esta data xa a tenho apuntada para poder repetir para o ano a experiencia. Foi un traballo moi gratificante; despois de plantar as árbores, o churrasco sentounos de marabilla. Dende eiquí animo a todo o mundo a participar nas actividades da vila, xa que vale a pena ver como todos traballamos por un ben común, con bo rollo e sen prexuízos, aproveitando o mellor que cada un poida dar.
Tedes unha reportaxe máis ampla no blog montesdeguillade

Día da árbore

Día da árbore Hai moi boas vistas no Coto da Pedreira

Guillade dende o Coto da Pedreira

Guillade dende o Coto da Pedreira

Día da Árbore: venres 21 de marzo todos no Coto da Pedreira

Día da Árbore: venres 21 de marzo todos no Coto da Pedreira O vindeiro venres, día 21 de marzo, celébrase o día da árbore. A asociación xuvenil, cultural e de voluntariado O ARRASTA convócanos a todos no coto da Pedreira, coñecido como o do merendeiro. Comezaremos a prantar árbores a partir das 10 da mañá e se o tempo o permite farase unha comida campestre.
Así que ánimo a todos e apadriña a túa árbore!

Asemblea da Comunidade de Montes

Asemblea da Comunidade de Montes

Asemblea ordinaria o domingo día 27 de xaneiro, ás 2.30 da tarde primeira convocatoria, 4.30 a segunda.

Orde do día:

1.Lectura e aprobación se procede da acta anterior

2.Estado de contas

3.Aprobación para solicitar subvencións

4.Deslinde no monte na zona do "Coto do Santo"

5.Admisión de novos comuneiros

6.Convocatoria de eleccións

7.Rogos e preguntas

 Unha  vez celebrada a asemblea en día e hora fixadas, recollemos un resumo dos asuntos tratados (este resumo é de datos aproximados):

a) No estado das contas hai a día de hoxe un remanente duns 30.000 euros, despois de que este ano se vendesen piñeiros queimados por un valor próximo aos 5.000 euros. 

b) Foi concedida unha subvención da Xunta de Galicia para plantar unhas 3 hectáreas de castiñeiro (2.000 plantas), por valor duns 4.000 €, na zona que linda con Uma. A comunidade ten que achegar outros 6.000€ para que a subvención sexa concedida.

c)  Por proposta do Manolo... acórdase celebrar o día da árbore (21 de marzo) prantando 50 árbores de zonas recreativas no coto da pedreira (na zona do merendeiro).

d) Na disputa dos lindes no Coto do Santo coa C.M. de Cumiar, acórdase que o presidente da nosa comunidade negocie un acordo amistoso, recoñecendo as demandas da C.M. de Cumiar pois os marcos existentes danlles a razón, e así evitar un xuízo contencioso.

e) No tema da nave de Albelle,  mostrouse unha sentenza xudicial do ano 1998 a favor da nosa Comunidade, que declara nula a venda deses terreos, e que por tanto pertencen á Comunidade de Montes. Estes terreos xa foron clasificados, e agora só queda o trámite de rexistralo na propiedade, e espérase que non se prolongue máis dun ano. Desmíntense rumores na liña de que a Comunidade de Montes tiña que pagar diñeiro para recuperar eses terrenos.

f) Admitíronse media ducia de novos comuneiros, aprobados pola asemblea.

 g) Convócanse eleccións para o día 16 de marzo. Hai 3 semanas para presentar candidaturas.

Plantación de landras e castañas

No mes de novembro fomos recoller castañas e landras, e unha semana despois fomos plantalas ó monte comunal.

O sábado pola mañá preparamos todo e pola tarde levamos: sachos, logóns e a cámara de fotos.
Fomos todos en tractor ata o monte, e cando chegamos fixemos varios grupos: Paula e máis eu, Xose con Elisa, Nick con Cristian, Camilo con Cristofer, Cristina con Estefania, e Antonio.
Dori sacaba as fotos.


Cando terminamos de plantar as landras e as castañas, fixemos algunhas fotos e volvemos no tractor para casa. Agora só queda esperar que empecen a nacer!!!

Aquí podedes ver como hai que facer para prantar as sementes!!