Blogia
Guillade

Risco nas estradas + barullo + lixo nas cunetas = RALLYE

Un ano máis, as estradas da nosa Parroquia e do resto do Concello miraránse máis alteradas do habitual pola celebración do “tradicional” Rallye das Rías Baixas. Teoricamente o rebumbio terá lugar os días 30 e 31 de maio, pero desgraciadamente a maioría sabemos que as datas previas a esta celebración son días de grande axitación e perigo por culpa dos adestramentos de pilotos e de todo un exército de afeccionados “tuneados”, que tentando imitar aos seu ídolos da velocidade e o ruido, percorren as nosas estradas sen nengún tipo de control.

Ao marxe de cuestións tan “de moda” nestes días, como: a redución da contaminación, as campañas pola seguridade vial e as súas tentativas por evitar os accidentes de coche (cantos dos que estades lendo isto coñecedes a alguén que lamentablemente dunha ou outra forma sabe o que son as consecuencias tráxicas dos accidentes?), centrarei esta reflexión nun par de aspectos bastante frívolos en comparación co perigo que implica a velocidade ao volante: o deterioro que sufren as nosas estradas durante as probas e as toneladas de lixo que quedan acumuladas nas cunetas ano tras ano (xa por estratos), tiradas sen reparo polos afeccionados: latas, botes, bolsas, botellas, plásticos, vidros...

A todo isto, hai que lembrar os atropelos e sustos que xa se teñen producido con anterioridade, como motivo en grande parte do descontrol existente nos días previos. Feitos que xa fixeron que moitos veciños doutras zonas do Condado, fartos do acoso dos tolos polos rallies e ante a ausencia de medidas disuasorias por parte das “autoridades competentes” contra os adestramentos fóra do horario permitido ou practicados por condutores temerarios non profesionais, decidisen expresar o seu malestar con cortes de estradas e deseperadas tentativas de boicot.

Lonxe do que poidan pensar moitos, este escrito non pretende prohibir ou abolir a práctica deste “deporte” (?), tan só cuestionar os lugares, as formas, os tempos e os xeitos nos que tradicionalmente se ven desenvolvendo nas últimas décadas: atravesando núcleos de poboación practicamente a calquera hora do día ou da noite, con escaso (ou nulo) control da velocidade ou de, por exemplo, o ruído (a contaminación acústica tamén existe), deixando moi pouco beneficio ou contrapartida económica nas Parroquias pero moito nerviosismo (estar pendentes dos nosos nenos, das bicis, dos nosos maiores...), moreas de basura e inconvintes (estradas cortadas pola Organización que implican ter que dar grandes rodeos).

Asi pois, porque non temos porque vivir secuestrados sen poder saír das casas, desprazarnos con medo polas estradas ou cunetas (se as houbese) nin recoller o lixo dos demais, emprazamos desde este blog as Asociacións existentes en Guillade e no resto de lugares afectados por este tipo de eventos, a que esixan aos seus respectivos Concellos e autoridades competentes a toma das medidas pertinentes para evitar este tipo de problemas. Ou ben directa e persoalmente, ou conxuntamente coa Organización da Competición, presionándoa a velar polo respecto ao medio ambiente e pola seguridade dos que queremos vivir nun contorno tranquilo e seguro, e non nun circuito de carreiras que sempre acaba emporcallado e desfeito.

2 comentarios

Ivan -

E solo como moito duas veces o ano, tampouco e tanto, e deixa beneficios na zona.

Eu tampocuco teño porque aguantar cando hai partidos de futbol o coche "tipico" de megafonia anunciando o partido a bombo e platillo. e iso tamen e cobntaminacion acustica.....

Cris -

E foi insufrible