Blogia
Guillade

Espantallos, bicis e barro

A principios deste mes de xuño que agora remata a xente da “Asociación Picaraña”, organizou a “V- Marcha Cicloturística do Cruceiro de Covelo”, que se ben non parecía demasiado dura nun principio (25 kms. aproximadamente) deixounos  a uns cantos algo desfondados e sobre todo enlamados, debido máis que nada ao mal estado das pistas e do circuito.

As choivas caídas insistentemente nas semanas previas convertiron boa parte do trazado nun auténtico “sanbenito” de lama, charcos, pozas, lameiros e ríos de barro. De todos xeitos as espectaculares vistas e beleza do percorrido axudaron a disipar “a penuria de lama e barro”, outra cousa foi a cara das nosas nais ao chegar a casa... 

Aínda que non fora pola xuntanza cicloturística, houbo –e hai- outros alicientes polos que ben mereceu a pena ir  aquel domingo a Covelo, xa que a raíz da iniciativa dunha serie de veciños deste Concello, coseguiron chamar a atención de abundantes medios de comunicación (e non só galegos) cun pavero “concurso” de espantallos grazas ao cal as veigas e leiras da zona apareceron inzadas desta figura “tradicional” da nosa paisaxe. 
 

Ao final da xornada, había máis dun participante que entre a lama, o casco e as rechamantes cores da súa equipamenta ciclista, acabou tamén feito un espantallo con bici e fame, menos mal que a non moitos kms. de alí celebrábase tamén unha festa gastronómica con chourizos á brasa de protagonistas.

0 comentarios