Blogia
Guillade

A comunidade de montes denuncia os vertedoiros de lixo no monte

A comunidade de montes tramitou a denuncia dun vertedoiro de lixo no monte, na zona da Encostada. Resulta vergoñento que nos tempos nos que vivimos continuen a perpetuarse prácticas propias de hai 30 ou 40 anos, cando os veciños tiraban todos os cacharros vellos que non lles servían en calquera burato do monte ou mesmo directamente no río.

É triste e lamentable que pezas de mobles vellos, pneumáticos de rodas, cadenas musicais, sillas de paseo de bebés, revistas, colchóns, botellas plásticas de lavavaixelas, etc... acaben nas beiras dos camiños do monte. A persoa que os deixou alí quedar seguro que quedou orgullosa de deixar limpa a súa casa, quizais sen saber que o único que fixo foi trasladar toda esa merda á casa de todos, que é o monte, e que eses trastos todos seguirán aí para a súa vergoña, e para a de todas as persoas que pasen por alí e tropecen con eles.

Non está de máis lembrar a todos os veciños que hoxe en día o concello ofrece un servizo gratuito de recollida de lixo de trastos voluminosos, como mobles, electrodomésticos, etc. para o cal só é preciso chamar ao número de teléfono que se atopa publicitado en moitos dos contedores que hai espallados pola parroquia. É o mínimo que debemos facer como sinal de respecto do medio ambiente e como unha mostra de boa educación.

Máis fotos pinchando neste enlace

0 comentarios