Blogia
Guillade

Proposta de desenvolvemento local promovida por J.Mª. Bouzó Argibay

Proposta de desenvolvemento local promovida por J.Mª. Bouzó Argibay

A mediados do mes pasado, o Centro Cultural de Guillade acolleu unha charla-coloquio organizada pola Asociación de VV. S.Miguel, a cargo de José Mª Bouzó, José do Cabo, e presentada por Paco Barbosa.

Previamente, e a modo informal, o propio José do Cabo tivo tempo para intercambiar impresións e ideas con parte da directiva da Comunidade de Montes da Parroquia, unhas propostas que fóron detalladas posteriormente ante o auditorio, utilizando o ponente como fío conductor para a súa exposición, a súa propia “historia de vida”, xa que ao longo da aproximada 1:30h que durou o acto, José do Cabo foi servíndose das experiencias persoais e familiares para dar a coñecer as súas propostas de desenvolvemento económico para Guillade, sempre respectuosas co medioambiente e destinadas a pór en valor os recursos forestais e agrarios da zona.

Ditas propostas, terían como principais eixos de actuación o aproveitamento dos excedentes agrícolas da parroquia, tanto a nivel individual como colectivo (ovos, carnes, froita, legumes…) para a súa comercialización directa “en fresco” ou transformada (mermeladas por exemplo), e unha mellora do rendimento forestal da zona (englobando tanto o baldío como os montes particulares).

Evidentemente, o idóneo sería dispór ou artellar as medidas e ferramentas necesarias para a constitución dunha pequena cooperativa, colectivo ou axencia de desenvolvemento local que permitira agromar algún tipo de iniciativa máis formal e vertebrada capaz de afrontar o deseño xurídico, económico e formal que unha proposta deste tipo implica, e que vai máis alá do anteriormente exposto: xa que permite albiscar asentamento de poboación no rural, dotar a parroquia de recursos propios, xerar ilusións…

Pero bueno… é un primeiro paso. Do que non cabe dúbida, é que unha persoa que xa superou os 80 anos, e que lonxe de despreocuparse de todo, aínda ten ganas de facer cousas e mobilizar ideas, persoas e recursos, é alguén que merece todo o respecto, demostrando que ese termo tan de modo hoxe en día: EMPRENDEDOR, non ten por qué ser patrimonio da xente nova.

1 comentario

José Luís Montero -

Exelente ideia e exposición a do José do Cabo. Acdemais ten capacidade e coñecimento de organización e a sua idea ten circuito tanto de produción como de consumo.Non perder esta proposta. Paco Barbosa, ti que eres un rapaz, non deixes morrer a idea; escomenzar nin que sexa por pouco. Celebro que o José do Cabo estexa ainda enérxico e clarividente.