Blogia
Guillade

Crónica Porriñesa

O municipio do Porriño,  pertencente á comarca viguesa, pero estreitamente vencellada a Ponteareas, estreou no día de onte novo mes (1 de febreiro) e novo alcalde. Finalmente o calendario imposto pola Deputación de Pontevedra –tras atrancos e tensos encontros e xuntanzas entre os interesados-, concretouse na moción de censura presentada onte polos tres partidos conservadores da vila.

Xeralmente, as situacións complexas responden tamén a factores complexos e incluso retorcidos; neste caso, parece que o tema se remonta a etapa da Transición, cando moitos alcaldes do réxime franquista continuaron unha tempada máis no seu posto –esta vez lexitimados polas furnas-, como Castro en Ponteareas, e outros decidían nesa mesma época ceder “las riendas” a xente de confianza, como seica pasou no Porriño cando o alcalde franquista Órdoñez lle concedeu o seu apoio a Barros, famoso posteriormente polos seus excesos verbais, as denuncias de acoso sexual por parte de empregadas municipais entre outras cousas.

Aquel traspaso de poderes, parece que levaba implícito un “pacto entre rexidores”, polo cal, (co tempo…), Barros debería novamente cederlle o bastón de mando ao fillo de Órdoñez  1º “Alcalde Saínte” ; non se sabe se posteriormente, o fillo de Órdoñez 1º lle debía de ceder o posto ao fillo de “Barros 1º”, e así ata o día do Xuízo Final…  (de feito foi no laboratorio do Porriño onde se experimentou a sucesión clónica que agora cristalizou na Deputación de Ourense onde un Baltar Pai 1º, lle cede o posto a outro Baltar Fillo 2º ). O caso é que o tempo pasou, e a cesión da vara do poder e da  alcaldía non se executaba, polo que o príncipe Ordoñez 2º (Gonzalo de nome), canso do incumprimento do contrato por parte de Barros 1º, pasa ao ataque e funda o partido Independientes do Porriño.

Esta primeira escisión lle custa ao PP   a perda da maioría absoluta nas seguintes eleccións municipais do 2003 e non so íso, senon que ao máis puro estilo “Shakespiriano” (onde os fillos/príncipes cobizosos competían entre sí por arrebatarlle ao pai -aínda vivo- a coroa), desatouse unha loita polo poder dentro da casa “PoPular”, que acabou cunha nova escisión dentro das filas dos “indeppendentes”, xurdindo así os Cidadáns por Porriño.

É precisamente agora o dirixente dese partido, Nelson Santos, o que ocupa a través da moción de censura realizada onte, a alcaldía de Porriño. Foi un parto difícil  (pese a que a criatura non tiña o corpo de Barros 1º), estivo cheo de complicacións e feridas internas, o que fixo que como  xa se tiña saído de contas facía tempo (levaban bastante tempo uns e outros anunciando “el alumbramiento”), non quedara outra que o cirurxán Louzán realizara a cesárea. Por certo… Louzán tamén é o presidente da Deputación de Pontevedra (what a coincidence!! - hai que ir practicando co inglés para estar “a la última con Feijoó”-)

O froito do concubinato dos diferentes partidos dereitistas da zona, da como resultado unha figura de 3 cabezas (tantas como partidos a enxendraron), pero cun único cerebro situado na Deputación de Pontevedra.

Nengún pacto nen parto está exento de dor nen complicacións, senon que llo digan ao BNG e o PSOE tras a moción de censura –sen transfuguismo, iso si- de Porto do Són, pero sobre todo quen ben o sabe son o PP  e os seus aliados tras os DEZ partos/mocións realizadas dende as últimas municipais en Mos , Gondomar, Pobra de Trives, Mos, Abegondo, Láncara, Folgoso do Courel , A Veiga, Silleda e Santa Comba.

SON IGUAIS TODOS OS PARTIDOS POLÍTICOS?

0 comentarios