Blogia
Guillade

O amo local

Sen ser xurista, economista nin un profundo coñecedor do funcionamento da Administración e dos seus resortes, me temo que teño a necesidade de expresar algo que chirría e non encaixa no meu entendemento. (Pese correr o rísco de equivocarme plenamente).

Nas primeiras semanas do mes de marzo, un xornal da área de Vigo comentaba na cabeceira da súa publicación que a multinacional Citroën ía tan “” a recibir 30 millóns de euros do goberno central –en concepto de “axudas” ou íso que tamén chaman “estimulación”, supoño-. Sorprendido pola aparentemente escasa valoración que facían desta cantidade este medio de comunicación, decidín mergullar un pouco na Rede coa curiosidade de tentar averiguar si esta valoración era compartida por máis medios e entidades. Curiosamente, noutras fontes citaban que dita multinacional amosabase “satisfeita” coa cifra ofrecida dende o Estado.

É nestes momentos , cando un se dá de conta que os amos moitas veces non teñen nin tan sequera que laiarse porque xa teñen os seus propios “lobbies” encargados de pór “el grito en cielo” por eles, sendo máis “papistas que o Papa” e reclamando e presionando por eles.

En fin… ese  non é o tema neste caso… Pasaron os días e ao final resulta que dende a Xunta (para non ser menos), van pór a disposición da marca gala, como tamén lle chaman, outros 35 ou 40 millóns de euros, non vaia a ser que o amo se encomode ou amague con irse da cidade olívica, como tamén lle chaman… E todo en nome do “estímulo”.

Sen tampouco querer agora profundizar no debate de que tipo de empresas ou entidades son merecedoras de máis ou menos “estímulos”, non se pode obviar o perigo de ter a sensación de seguir inflando un perigoso “monocultivo” , o da automoción, que a parte de estar nunhas mans foráneas que en calquer momento poden marchar e “aí vos quedades”, implica unha submisión  económica e decisional dunha extensa área xeográfica que supera ampliamente os límites de Vigo.

Dita submisión, vencellada aos postos de traballo directos e indirectos da multinacional francesa, outorgoulle un poder descomunal, semellante ao que ostentan outras grandes empresas noutras partes do mundo, onde xurde unha dependencia extrema arredor de básicamente  un só producto, como o cacao en Costa de Marfil, o café en Etiopia e as turbulentas relación das comunidades traballadoras cos seus patróns, nestes casos –por exemplo- Nestlé. Aos dos amos dos monocultivos nenguén lles tose, hai que darlles o que piden senon encómodanse “y puerta”.

 

Para ir acabando, e antes de entrar nun dos asuntos que motivou este escrito, cumpre tamén reflexionar algo sobre como pouco a pouco ímos deixando esmorecer as industriais tradicionais do país, dende sempre ligadas ao territorio ás xentes e presentes a unha escala local e máis ou menos equilibrada nas catro provincias, evitando situacións de extrema dependencia económica  en torno a único sector e provocando un  crecemento desproporcionado dunha área concreta en detrimento doutras. Falamos de  sectores clásicos como o lácteo, o forestal ou gandeiro, pero tamén doutros de novo cuño vencellados as novas tecnoloxías e a creación artística e cultural, que por certo… que eu sepa non reciben tantos “estímulos”, e lamentablemente cando os reciben non hai demasiados medios de comunicación que digan “ reciben X cartos”.

 

Sí únicamente se “estimulan” aos grandes  -eses que precisamente están en condicións de marcharse cando lles pete ou de pouco a pouco ir deslocalizando a súa produción no país, como por certo: Adolfo Domínguez, outro gran beneficiario de axudas por parte da Administración-, e permitimos que morran na miseria os nosos verdadeiros sectores acabaremos definitivamente caendo no sinsentido de producir o que non consumimos e consumir o que non producimos.

E  falando de A.D… non sería xusto que polo menos este tipo de empresas ”mega-estimuladas” polas diferentes administración, asumirán certo compromiso ou responsabilidade coa sociedade que paga os impostos dos que xurden as axudas que reciben, e que polo menos botaran man dos servizos públicos de emprego a hora de contratar xente? Creo que non é pedir demasiado… os cidadáns podemos escoller comprar os seus productos ou non, pero pagamos obrigatoriamente uns impostos que acaban           ” estimulando” a unha empresa como Citroën que non conta co Servizo Galego de Colocación a hora de reclutar persoal. E dado que están no seu dereito de non facelo, pode que lle toque a Xunta e ao goberno central facerlles ver (ollo!! que non lles esixan que ao mellor se ofenden e marchan) que poden devolverle o favor (de nada por certo), á cidadanía e a propia Administración facendo uso dos mecanismos que dispón para satisfacer as demandas da sociedade, polo menos xustificarían a existencia destas oficinas de emprego, que lamentablemente únicamente só están servindo para elaborar estatísticas de parados/as.

2 comentarios

o/a autor/a -

graciñas cris, sempre se agradécense os comentarios, aínda que sexan para pórche verde, xa que a critica é unha boa ferramenta de aprendizaxe

Cris -

Un análisis moi acertado, e gustoume moito telo lido. Un saúdo