Blogia
Guillade

ACTUALIDADE URBANISTICA

ACTUALIDADE URBANISTICA

O pasado luns 11 de abril no local da Asociación de Empresarios  de Ponteareas, tivo lugar un acto informativo sobre o PXOM organizado polo BNG, onde tamén se falou da situación da implantación do futuro parque empresarial. Dito acto, contou coa presencia do urbanista D. Pino (ex-director do Instituto Galego de Vivenda e Solo) e o arquitecto X. Rivas (ex –Xerente de Urbanismo do Concello de Vigo), quenes expuseron con datos, planos e gráficos a actual situación urbanística municipal, no ateigado local desta Asociación situado na rúa Esperanza.

Durante as máis de dúas horas que durou o acto, foron debullandose pouco a pouco os principais atrancos cos que se atopa tanto o desenvolvemento do PXOM (atópase na fase de  “Anteproxecto de Planeamento - Inicio), como a creación do parque industrial de Ponteareas, sinalándose motivos de índole económica –a actual crise-, políticos– a deixadez por parte do Concello a hora de dinamizar o planeamento, pese a ser un dos motivos esgrimidos no 2002 para realizar a moción de censura que afastou da Alcaldía ao bipartito existente naquel momento-, así como a inherente lentitude burocrática das diferentes administración á hora de tramitar documentos desta índole, que pese a súa complexidade e relevancia non xustifican os máis de 8 anos empregados na súa redacción, máis de 2.000 suxerencias e os máis de 700.000€ gastados sen avances significativos.

Durante a rolda de preguntas aos expertos, saíron a superficie interesantes debates e asuntos que perfectamente poderían dar lugar a novas charlas e xornadas informativas, como o peso e importancia que xoga a PLISAN no contexto do Condado, ou a maior permisidade coa que a priori se  está dotando a este novo PXOM, en comparación coa anterior proposta do 2005 (declarada nula), á hora de permitir unha maior e posiblemente excesiva  edificabilidade, aumentando nun 70% os metros cadrados delimitados para tal fin respecto aos contemplados no 2005.

Como remate, falouse sobre a viabilidade  de rematar en  aproximadamente 20 meses o actual documento, un prazo realista para a empresa GOC –redactora do PXOM-,  e difícil de precisar ou asegurar para os técnicos convidados ao abeiro do sen fin de complicacións e atrancos, especialmente administrativos, que aínda se poden presentar polo camiño.

Todas as persoas interesadas na información relativa a este asunto, teñen a información transmitida polo Concello á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no seguinte enlace

0 comentarios