Blogia
Guillade

DÍAS DE MATANZA

DÍAS DE MATANZA

Cando Castelao falaba da “santísima trinidade galega” mencionaba: o peixe, a árbore maila vaca, os tres de vital importancia para o sustento da poboación urbana e rural, pero... que pasa co porco, o  imprescindible provedor de calorías e alegrías tan mal tratado e sacrificado salvaxemente sen compasión durante séculos?

 

Non é xusto que un animal tan importante nas casas e familias de tantas vilas e lugares viva a vida que leva (en zulos escuros de cemento chamados cortellos) e leve a morte que leva: a ferro afiado ou coa testa perforada (no caso menos malo).

 

Creo que non esaxero cando afirmo que o porco, e tantos outros animais, merece un mellor trato por parte dos seus carceleiros+verdugos= papadores; non é xusto ese aldraxe, non merece unha morte tan salvaxe  un animal que nos dá tanto. Xa que a parte da carne, a festa e reforzamento dos lazos veciñais e familiares (o clan) aos que dá lugar o seu martirio+morte+descuartizamento e degustación, sitúannos ante unha privilexiada escea ritual (o matachín, os homes que agarran, as mulleres que cortan e pican as carnes, a proba do fígado e do seu sangue... –“o cuchufrito”, “o zarraghullo”...-) da que cada vez menos pobos do mundo poden servirse para reafirmarse, consciente ou inconscientemente, como membros de sociedades tradicionais, autónomas en grande medida, e ao marxe das leis do mercado.

 

Cando falamos de “ritual”, debemos entender  a matanza do porco como un feito que  implica unhas canles de cohesión grupal que non se dan ou establecen cando ímos comprar o pan, levar o coche ao taller ou cando lle damos os bos días ao veciño no ascensor ou na porta da casa. 

 

A influencia deste animal totémico vai máis aló da súa morte, xa que goza duns poderes tan extraordinarios, que xa dende fai tempo coñécese a súa excelencia para pagar favores e débedas a través de determinadas partes do seu corpo (xamóns, lacóns...) a caciques, cregos,  e outros “notables”; así como ser capaz de levar á xente da emigración o cheiro da lareira, da leña, ou do fume cada vez que unha destas prezadas partes viaxa nos maleteiros dos coches, adegas de avións, maletas...e  que só os destinatarios son capaces de apreciar como nenguén no mundo.

 

 Cando comemos o porco comemos os carballos e loureiros que arderon cando foi afumado, as berzas e restos dos que foi alimentado, a tensión da víctima e dos verdugos, a súa testosterona maila súa adrenalina, pode que ata o seu espírito. Incluso moitos que renegan de "determinadas" tradicións, culturas e linguas  "contamínanse" cando comen porco, porque engulen: filloas, osos de xoán, cachucha, chourizos ceboleiros, raxo e zorza, palabras únicas e exactas que se refríen a outras tantas partes únicas e concretas.

 

Sí, foron días de matanza. Pero tamén de cohesión, cultura, colesterol, sal , tradición e viño, unhas constantes que se repetirán domingo a domingo, cocido a cocido. E todo gracias a un animal do que nos gabamos (que é o que lle ensinamos aos veciños e amigos? as galiñas ou o porco?), torturamos e devoramos.

 

1 comentario

chichimirrichi -

Anton..., já tendes as panelas ao lume?
Hai café quente é unhas copitas de aguardiente?