Blogia
Guillade

Romería a “Nossa Sra. de Ikea” en Matosinhos

Romería a “Nossa Sra. de Ikea” en Matosinhos

"Aínda non fóches ao Ikea!!??" tíñanme preguntado xa varios amigos e coñecidos cunha expresión inquisitoria... " pois non, aínda non…", pero como eu sabía que tarde ou cedo ía acabar índo, xa que como bo consumista practicante estou obrigado a ir polo menos unha vez na vida a un gran templo comercial (O Corte Inglés tamén vale),  seguíndo a líña das grandes relixións monoteístas cos seu centros do comercio espiritual: Roma, Compostela, Xerusalén, A Meca...

 

 

 20080922182852-muchedumbre.jpg

 

 

Foi así como un destes sábados de verán, tras encher o coche de combustible, puxémos rumbo hacia Matosinhos, para non ser un “becho raro”, e poder dicir "eu tamén son un  crente-consumista igual que vos".

 

Unha vez alí, e tras varias voltas e reviravoltas pola área metropolitana de Porto, chegamos ao parking do templo, onde ao igual que quen vai a Fátima, xa se atopaba ateigado de fieis consumidores, impacientes por entrar no edificio e dar paso aos correspondentes ritos relixioso/consumistas/compulsivos: coller un carro, ascender á parte superior polas escadas mecánicas, ser recibidos polos sacerdotes-dependientes, e por suposto saber que nos atopamos a salvo custodiados polos guardas (xurados)  do templo, que aínda que non teñen uns disfraces tan coloridos como os dos seus compañeiros dese outro centro do comercio-espiritual como é o Vaticano, teñen unhas porras que xa quixeran os suizos...

 

 

  20080922183004-de-compras.jpg

 

Xa no interior a sensación “común-unión” entre os fieis devotos era plena: rostros de satisfacción e ollos ben abertos ante os pedestais-mostradores, cada individuo e cada familia (tan en perigo segundo algúns hoxe en día) co seu carriño, pero non un carriño calqueira, non... senon un deses que dan a opción de poder levar aos cativos no seu interior para que se vaian familiarizando co ritual consumista.

 

De todos xeitos, aquí tamén había algunha que outra interesante idea susceptible de aplicarse a outros centros de pereginación, como catedrais ou sinagogas, xa que neste tipo de lugares aínda non dispoñen (que eu sepa) de garderías/cortello onde poder empaquetar aos nenos para que non interfiran nas actividades oratorias, ou consumistas dos seus proxenitores. Por qué  sacrificar un espazo no carriño que pode ser ocupado por máis obxectos e paquetes, cando o neno pode quedar na “ikea-escola”?

 

Por último a gran procesión ante as sacerdotisas caixeiras, onde tras unha breve penitencia de horas de espera, moi oportunas para arrepentirnos por non ter comprado/orado máis, chega o sacro momento de comulgar coa nosa carteira na man; pagamos... e somos bendicidos e confirmados coa nosa credencial en forma de ticket.

 

O ritual está concluido, só queda voltar de novo, porque “quen non foi a Ikea de vivo vai de morto”.

1 comentario

Anónimo -

As fotos que aquí aparecen fóron obtidas da propia rede, e moi posiblemente as persoas que nelas saen existen na realidade.