Blogia
Guillade

Roteiro en Angoares co programa Debrúzate

 

Os colectivos Adenco, Galiza Nova e MZS presentan o segundo roteiro do programa Debrúzate que nesta ocasión levará aos asistentes pola parroquia de Angoares.

      A actividade terá lugar o próximo sábado 7 de Xuño, saíndo da Igrexa de Angoares, ás 17h, con participación libre e gratuita. O percorrido, dunha dificultade baixa e unhas tres horas de duración partirá da Igrexa de Angoares, unha edificación de estilo románico, única no País pola súa planta de cruz latina e ábside rectangular.

      Posteriormente, o percorrido seguirá pola beira do Río Uma, Lugar de Interese Comunitario, onde se poden observar até dez muíños, desfrutar dunha paisaxe de ribeira ben conservada e onde tamén destaca a Ponte do Cabalón, pola que pasaba unha vía romana.

Ademais, os petos de ánimas e o Castro de Angoares serán obxecto de visita e explicación, neste roteiro circular que pretende unir unha vez máis o noso patrimonio natural e cultural, dándoo a coñecer para que se protexa e máis neste caso, o de Angoares, unha parroquia ao pé do casco urbán de Ponteareas, case descoñecida para os veciños da Vila.
(Recollido en nota de prensa do BNG Condado)

0 comentarios